Sunday 05 de May de 2024

Trenor presidiu a firma dos convenios cos alcaldes dos concellos integrados no Plan de Transporte Metropolitano da Coruña cun investimento de 15,2M€ en catro anos


A Xunta financiará as bonificacións nos billetes, os transbordos e os descontos a usuarios recorrentes e familias numerosas coa achega de máis de 3,8 M€ ao ano

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presidiu a firma dos convenios de transporte metropolitano cos alcaldes que integran este plan na delegación da Xunta e desprazouse ata o Concello da Coruña para recoller a sinatura da súa rexedora, Inés Rey. Trenor lembrou que este plan está integrado pola Xunta e os concellos de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Culleredo, Curtis, A Laracha, Miño, Oleiros, Ordes, Oza-Cesuras e Sada.
O delegado da Xunta recalcou que “estes acordos de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia permiten o desenvolvemento conxunto do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña, cun investimento autonómico de máis de 15,2 millóns de euros para os vindeiros 4 anos.
O Goberno galego achegará anualmente máis de 3,8 millóns de euros para financiar os descontos nos billetes, os transbordos e as bonificacións adicionais aos usuarios recorrentes e membros de familias numerosas.
Entre os 17 concellos integrantes desta Área de transporte, que xa referendaron oficialmente este novo convenio, achegarán case 1,2 millóns de euros ao ano.
O obxectivo do convenio hoxe aprobado é garantir a continuidade deste plan social en condicións similares ás que se aplican desde a súa posta en marcha en xaneiro de 2011.
No marco do Plan de Transporte Metropolitano, o Goberno galego contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante. Ademais, a Xunta financia o 100% dos transbordos e os descontos adicionais aos usuarios habituais (15%) e familias numerosas, ata o 50%.
Neste sentido, o plan, que ten incrementado en máis do 30% o uso do transporte público, rexistrou desde a súa posta en marcha a realización de 56 millóns de viaxes bonificadas.

Na actualidade case 160.000 veciños da área da Coruña estanse a beneficiar dos descontos da Tarxeta de Transporte Metropolitano, TMG, nos desprazamentos cotiáns, coa que poden acadar aforros que roldan os 1.000 euros ao ano.
Tarxeta Xente Nova
Ademais nesta área tamén hai 22.000 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús coa tarxeta Xente Nova.
A Xunta prevé culminar a mediados de 2021 a extensión da tarxeta Xente Nova e da TMG a todas as liñas de autobús da comunidade.
O acordo aprobado hoxe renova e reforza a promoción do transporte público colectivo na área da Coruña, ao tempo que a Xunta continúa avanzando cara á implantación da Área de Transporte de Galicia, que suporá estender os beneficios das grandes áreas de transporte metropolitano ao conxunto do territorio.
A Área de Transporte de Galicia suporá a activación dunha mesma tarifa en toda a Comunidade, despenalizando os transbordos, incluídos aos que impliquen ao autobús urbano, que serán bonificados ao 100% polo Executivo autonómico.
O Goberno galego continúa apostando polo fomento do uso do transporte público en detrimento do  vehículo particular, o que supón importantes aforros económicos para as familias e vantaxes sociais e medioambientais para os cidadáns.